NOTA DOS BISPOS DA PRIVINCIA ECLESIÁSTICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
NOTA DOS BISPOS DA PRIVINCIA ECLESIÁSTICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA SOBRE AS NOVAS MEDIDAS ANTE A EXPANSIÓN DO “CORONAVIRUS” NOS ACTOS RELIXIOSOS
Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020
Ante a situación creada pola propagación do virus Covid19, a responsabilidade polo ben da saúde propia e do próximo lévanos a adoptar algunhas medidas destinadas a evitar a propagación da enfermidade con ocasión das nosas celebracións litúrxicas e encontros pastorais. É unha responsabilidade cidadá e cristiá, e un deber do amor ao próximo, previr o contaxio nestes momentos. Estas novas medidas engádense ás xa ofrecidas na Nota dos Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela do pasado 8 de marzo.
Como indicación xeral, en espera doutras medidas que poidan ser adoptadas polo Ministerio de Sanidade ou pola Consellería da Xunta de Galicia, queremos invitar a todos os fieis a seguir as disposicións dadas polas nosas autoridades sanitarias, e particularmente a aqueles que pertencen a grupos considerados de risco, segundo os criterios oficiais das autoridades sanitarias autonómicas.
Dadas as advertencias primeiras, establecemos:
- Catequese
Suspéndense os encontros parroquiais, arciprestais e diocesanos de catequeses, en principio ata despois de Semana Santa.
- Actividades formativas
Suspéndense, ata nova indicación, todos os encontros programados polas distintas Delegacións ou Secretariados diocesanos e polos Arciprestados e as Parroquias. Igualmente aconséllase ás diferentes asociacións e movementos da nosa Igrexa diocesana que suspendan posibles encontros previstos.
- Acción caritativa
Polo que se refire á actividade das Cáritas parroquiais, interparroquais e diocesanas, non se cerraran os espazos dedicados á actividade caritativa. Pero se invita a extremar a prudencia na atención individualizada.
- Museos, bibliotecas e arquivos
Seguindo a recomendación das autoridades autonómicas, polo momento permanecerán pechados ao público os museos, as bibliotecas e os arquivos dependentes das Dioceses.
- Celebracións litúrxicas
Ademais das indicacións xa dadas previamente respecto á necesidade de evitar contacto físico nas celebracións litúrxicas e de observar as necesarias medidas hixiénicas, engádese:
- Dispénsase aos fieis cristiáns das dioceses da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela da asistencia á celebración eucarística, os domingos e festas de precepto (cf. Can. 1248, 2 CIC).
- Pedimos as persoas pertencentes a grupos de risco que non participen fisicamente na Eucaristía diaria ou dominical, podendo seguir a celebración da Santa Misa polos medios audiovisuais. Suxírese igualmente a conveniencia dun momento de oración, que podería ser, por exemplo, con Evanxeo do día ou co Santo Rosario. Esta recomendación inclúe aos sacerdotes en situación médica de risco a quenes pedimos que non celebren a eucaristía na parroquia.
- De acordo coa recomendación das autoridades sanitarias sobre a limitación do aforo en espazos cerrados, as asembleas litúrxicas non deben superar as 50 persoas; cando o templo é moi espazoso, o límite sería un terzo da capacidade total.
- Estas indicacións aplicaranse igualmente para as celebracións litúrxicas da Semana Santa. Os responsables das Confrarías deberán seguir as orientacións das autoridades sanitarias.
- No que respecta aos funerais, vodas e bautizos han de participar só os familiares achegados.
- Polo que se refire ás Confirmacións teñen que suspenderse.
- Pospóñanse as celebracións de aniversarios ata despois de Semana Santa.
- Rógase que se pospoña, do mesmo xeito, calquera outra celebración que non sexa urxente.
- Para o sacramento da penitencia, úsense espazos que permitan cumprir coas esixencias hixiénicas indicadas polas autoridades sanitarias.
Os templos da nosa Diocese seguirán abertos, agás que as autoridades sanitarias digan o contrario, como signo de esperanza e a disposición dos fieis para 1que poidan ir a rezar, sen aglomeracións e vivir en silencio estes momentos difíciles. Aos fieis lémbraselles a posibilidade de contactar coa súa Parroquia para calquera necesidade, especialmente para a recepción de sacramentos como, por exemplo, a Penitencia ou a Eucaristía.
Estamos a vivir un tempo de desconcerto, aínda que sabemos que Deus na súa providencia está pendente de nós pois non é alleo a canto nos pasa. Habemos de pedir nestes momentos que nos axude a vivir esta realidade con sentido profundamente cristián.
De acordo coa nosa fe, que nos invita a confiar sempre en Deus, exhortamos á oración a todo o Pobo de Deus, encomendando ao Señor e a Santísima Virxe María esta situación que atravesamos. Rogamos en particular que os presbíteros ofrezan a Santa Misa pola saúde do nos pobo, particularmente dos enfermos e do persoal sanitario; e que esta intención estea presente no rezo da Liturxia das Horas, e na oración das nosas comunidades de vida consagrada, particularmente contemplativas.
Os cristiáns habemos de responder con responsabilidade e a través da caridade, xerando novas formas de presenza e de coidado, moi particularmente cara as persoas soas ou abandonadas. Agora mais ca nunca necesitamos renovar a nosa confianza en Deus e reavivar en nos o don da caridade. Así mesmo agradecemos o traballo abnegado que están a realizar os profesionais sanitarios e investigadores científicos, así como os axentes da pastoral da saúde.
Estas medidas, e outras que eventualmente se puidesen tomar, á espera das indicacións das autoridades ante o novo escenario de estado de alarma, teñen carácter temporal. E estarán en vigor en principio ata despois de Semana Santa.
+ Julián, Arcebispo de Santiago.
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo.
+Alfonso, Bispo de Lugo.
+ José Leonardo, Bispo de Ourense.
+ Luis Ángel cmf, Bispo de Mondoñedo-Ferrol.
+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago